Wednesday 15 de May de 2024

O futuro Centro Público de atención a maiores da Coruña emprazarase na Antiga Escola Infantil Virgen del Carmen de Eirís


O Goberno galego solicita ao Concello a adaptación das condicións de cesión do antigo terreo para empregalo con outro equipamento público

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a nova localización do futuro centro integral de atención a persoas maiores na cidade herculina. O Goberno galego comprou a parcela na que ata hai uns meses funcionaba a escola infantil Virgen del Camen da Fundación Hermanos Tenreiro, onde se construirá a nova residencia pública financiada pola Fundación Amancio Ortega. Fabiola García sinalou que se trata dun terreo de maior superficie, 1600 metros cadrados máis, que poderán ser destinados á unha zona axardinada para os maiores e cunhas magníficas vistas á ría do Burgo.

Así mesmo, a conselleira de Política Social destacou que xa se solicitou a licenza de demolición do antigo edificio polo que este cambio de localización non suporá ningún atraso á hora de redactar os proxectos básicos e de execución. Fabiola García agradeceu ao concello a súa boa disposición con este proxecto e confía en que axilice os trámites para que a nova residencia sexa unha realidade canto antes.

A Administración autonómica tamén lle solicitou ao consistorio coruñés, no marco da lealdade institucional, a adaptación das condicións de cesión do antigo terreo para facela menos restritiva e que a Xunta poida empregala para calquera tipo de equipamento público. Desta maneira, o Goberno galego contará con dúas parcelas para reforzar as infraestruturas do Estado do Benestar na cidade herculina.

O novo centro que será financiado e construído pola Fundación Amancio Ortega, ofrecerá 150 novas prazas públicas na Coruña. Será ademais unha residencia de equipamento de primeiro nivel e permitirá a creación de máis de 140 novos emprego no sector dos coidados.